O Camiño Miñoto Ribeiro súmase ao proxecto europeo rurAllure

Lourdes Maceiras

DUVI | A divulgación do patrimonio cultural que rodea ás grandes vías de peregrinación de Europa é o obxectivo central do proxecto europeo rurAllure, que lidera a Universidade de Vigo e no que participan 15 institucións e empresas de seis países europeos. Un dos catro proxectos piloto que abrangue a iniciativa coordinada polo investigador de altanTTic Martín López Nores ten como eixo o patrimonio literario dos camiños de Santiago e nel rurAllure suma a participación do grupo de investigación en Medicina e Saúde Pública (MP1) da Facultade de Fisioterapia, que se encarga de reunir a información relativa ao patrimonio do Camiño Miñoto Ribeiro, unha antiga ruta de peregrinación a Compostela desde o sur da provincia de Ourense. Con ese obxectivo, o grupo que coordina a profesora Lourdes Maceiras promoveu a sinatura dun convenio de colaboración entre rurAllure e a Asociación Camiño Miñoto Ribeiro, que agrupa os concellos polos que transcorre esta ruta arredor da que, como explica, levantáronse no seu día hospitais medievais e lazaretos e que era empregada polas persoas enfermas de lepra para chegar a Compostela.