DUVI | O Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, CIM-UVigo, abrirá este venres e sábado 11 e 12 de decembro as súas portas ao público coa estrea da web virtualcim.uvigo.gal, unha plataforma na que acceder de xeito moi divulgativo ao traballo que realizan a diario os 15 grupos de investigación que forman parte deste centro. “Nestas xornadas damos a coñecer a investigación mariña e de vangarda que as nosas 200 investigadoras e investigadores desenvolven con paixón e dedicación ao longo de todo o ano”, explica Daniel Rey, director do CIM, no vídeo de presentación das xornadas, ao engade que pese ás difíciles circunstancias que se están a vivir derivadas da pandemia o centro non quixo renunciar á celebración dun evento que, ano a ano, lles dá a oportunidade de achegarse á cidadanía.