DUVI | Como vén sendo habitual nos últimos anos, os centros de investigación da Universidade de Vigo únense ao programa Divulgando Ciencia Singular para dar a coñecer e poñer en valor o traballo que se desenvolve nos seus laboratorios e para achegar á cidadanía os resultados das súas investigacións. Esta semana será a quenda do CIM-Centro de Investigación Mariña, que programou dúas de actividades prácticas e divulgativas abertas a toda a cidadanía. Este venres 21 pola tarde parte do seu persoal investigador acudirá ao centro comercial A Laxe para explicar as diferentes liñas científicas que desenvolven os grupos de investigación a través de talleres e obradoiros. Dúas semanas despois, o día 5 de novembro, haberá un paseo científico pola ría aberto tamén a todo tipo de público.