DUVI | Un equipo de científicas e científicos do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, CIM, e da Universidade de Alacante liberou este martes á zona intermareal da Estación das Ciencias Mariñas de Toralla 300 exemplares de lumbrigantes xuvenís (Homarus gammarus) de entre 4 e 8 centímetros de lonxitude, unha acción dirixida a iniciar a restauración e repoboación desta especie na ría de Vigo. Trátase dunha iniciativa posta en marcha ao abeiro do proxecto Climarest, un traballo, financiado pola Unión Europea con 8,5 millóns de euros, dirixido á creación de ferramentas e posta en marcha de experiencias que contribúan á restauración dos ecosistemas costeiros nunha área que abrangue desde Svalbard, no océano Ártico, ata a illa de Madeira.