O CIM participa nunha iniciativa continental para crear un espazo dixital aberto e colaborativo para as ciencias da vida na nube

EOSC-Life

DUVI | O Centro de Investigación Mariña, a través da Ecimat e a súa participación na Rede Europea de Estacións de Bioloxía Mariña (EMBRC-ERIC), participa xunto con outras 12 infraestruturas de investigación europeas nun proxecto H2020 denominado EOSC-LIFE (European Strategy for Research Infrastructures). Estas 13 institucións de I+D do eido da saúde e da alimentación unen os seus coñecementos e esforzos para crear un espazo dixital aberto e colaborativo para as ciencias da vida na nube, o que será a European Open Science Cloud (EOSC). O proxecto ten un orzamento total de 23,7 millóns de euros e está coordinado por Elixir, unha organización intergubernamental que reúne recursos de ciencias biolóxicas de toda Europa.

Niklas Blomberg, director de Elixir e coordinador xeral do proxecto, explica que EOSC-Life reunirá os recursos, ferramentas, habilidades e experiencias necesarias para transformar o panorama fragmentado de datos de investigación nun espazo aberto para a bioloxía dixital. “O noso obxectivo final é maximizar o potencial colectivo das infraestruturas de investigación biomédica de ESFRI (European Strategy for Research Infrastructures) e os investigadores que as empregan. Ao final deste proxecto, EOSC-Life establecerase como a nova norma para a bioloxía dixital en Europa”, accesible para os 500,000 científicos biolóxicos do continente.