DUVI | As prazas esgotadas para a xornada de portas abertas de onte xoves. Máis de 200 persoas inscritas e outras 100 en lista de agarda para a xincana científica que terá lugar o sábado no campus. Arredor de 400 visitas aos postos informativos instalados no centro de Vigo e Ourense. As cifras demostran que as propostas de divulgación científica postas en marcha polo Centro de Investigacións Biomédicas da Universidade de Vigo, Cinbio, están a acadar moi boa acollida entre a cidadanía. Agrupadas na iniciativa Ciencia con C de Cinbio, forman parte do programa Divulgando Ciencia Singular, a través do cal a Universidade de Vigo quere poñer en valor e promocionar o traballo dos seus centros de investigación.