O Cinbio volverá “falar de ciencia en igualdade”

DUVI | Co obxectivo de introducir a perspectiva de xénero na comunicación e na divulgación científica, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina, Cinbio, organiza un ano máis a xornada Falemos de ciencia en igualdade. O evento, que terá lugar en modalidade presencial o venres 26 de maio nas instalacións do propio centro, pretende, como explica a subdirectora do Cinbio, Diana Valverde, “destacar as bondades da comunicación e da divulgación científica, facendo un especial fincapé no uso da perspectiva de xénero e na importancia de visibilizar a muller, fomentando unha comunicación máis inclusiva”. A catedrática engade que se trata “dunha formación transversal para deseñar estratexias de comunicación e divulgación das investigacións que teñan en conta a dimensión sexo-xénero, tal e como recomendan os obxectivos de igualdade recollidos no programa Horizon Europe”.