O director da EE Forestal explora nun foro de rexións europeas o potencial que tería dixitalizar a xestión dos bosques

A reunión deste grupo de traballo combinou as intervencións presenciais e virtuais

DUVI | Preto de 50 autoridades rexionais de 21 países forman parte da rede ERIAFF (European Regions for Innovation in Agriculture, Food and Forestry), que nestes días desenvolve a oitava edición da súa conferencia anual na cidade grega de Salónica. Entre as diferentes actividades inseridas neste foro figuran os encontros que levan a cabo os diferentes grupos de traballo que forman parte desta asociación, como o da Rede Europea de Rexións Forestais, no que na mañá deste mércores interviña o director da Escola de Enxeñaría Forestal, Juan Picos. Combinando a participación presencial e virtual de representantes de diferentes países, este foro tiña como obxecto afondar nas necesidades de innovación a nivel europeo en materia de política forestal e transición cara unha economía verde e os seus promotores convidaron ao investigador do campus pontevedrés a achegar unha “perspectiva científica” a este encontro, a través dunha presentación que centrou no potencial que a dixitalización podería ter para a industria da madeira.