DUVI | A atracción que sentía pola arte téxtil, nomeadamente pola elaboración das colchas feitas a partir de retallos (quilts), que en Estados Unidos acumula unha riquísima tradición, sumada ao interese que desde sempre tivo pola cultura da comunidade feminina afroamericana, levou a Luisa Cazorla Torrado a fusionar na súa tese de doutoramento estas dúas cuestións e estudar o seu legado artístico. Así naceu Black Stitches: African American Women’s Quilting and Story Telling (Puntadas negras. Acolchado e narración de contos de mulleres afroamericanas) unha investigación, dirixida pola docente do Departamento de Filoloxía inglesa, francesa e alemá da UVigo Belén Martín Lucas, na que segundo explica a autora, adoptou un dobre enfoque. “Unha primeira aproximación deste o punto de vista cultural e histórico, é dicir, unha visión global da elaboración de quilts por mulleres afroamericanas desde a época da escravitude, finais do século XVIII, ata o presente, e un segundo bloque dedicado á representación desa tradición no mundo da literatura. Deste xeito, podía observar este proceso creativo dende a perspectiva non só da arte visual, senón tamén desde una perspectiva literaria”, explica Luisa Cazorla, que respecto ao corpus literario, optou por delimitalo a obras de autoras exclusivamente afroamericanas para manter unha coherencia interna.