O GEAAT volve escavar en Armea para continuar descubrindo a súa ‘cibdá’ romana

DUVI | Desde este mércores e ata finais do mes de xullo, un equipo dirixido polo Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo desenvolve a súa undécima intervención arqueolóxica na ‘cibdá‘ de Armea, no concello ourensán de Allariz. Os traballos centraranse en ampliar a zona coñecida das tres grandes domus e da rúa central empedrada deste xacemento de orixe romana ocupado arredor do século I despois de Cristo e abandonado no III, que destaca polo seu grao de conservación e dimensións.