DUVI | O grupo de investigación Óptica Física da Universidade de Vigo e o principal operador de telecomunicacións de Guinea Ecuatorial, Guinea Ecuatorial de Telecomunicaciones (Getesa), están a explorar vías de colaboración. A directora de formación da entidade, Mónica Angue Bivini, visitou o campus co obxectivo de coñecer as instalacións deste grupo e valorar co seu director, Humberto Michinel, catedrático de Óptica da Universidade de Vigo, posibilidades de cooperación no eido da formación, a investigación e o emprendemento tecnolóxico.
O vínculo entre o grupo investigador e a empresa africana, comenta Humberto Michinel, xorde a raíz do nomeamento como director xeral de Getesa do enxeñeiro ecuatoguineano Carlos Esono Mikó Nsing, que realizou anos atrás o Máster Universitario en Fotónica e Tecnoloxías do Láser que dirixía o propio Michinel no campus de Ourense. “As telecomunicacións en África son actualmente unha aposta de enorme futuro. Aínda que dentro deste gran continente a maioría dos investimentos téñense focalizado nos países máis grandes, hai que sinalar que operadores de países de pequeno tamaño, como é o caso de Getesa, soportaron ben as crises económicas e levan a cabo unha revolución tecnolóxica sen precedentes, baseándose en parte na formación, como é o caso do seu actual director xeral Carlos Esono Mikó, formado en parte na Universidade de Vigo”, comenta o catedrático ourensán.