O Grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas avanza no deseño dun método para previr riscos nas infraestruturas de transporte

Proxecto Sirma

DUVI | O Grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas da Universidade de Vigo está a traballar no deseño dun método para previr riscos e aumentar a resiliencia das redes de infraestruturas viarias e ferroviarias da zona atlántica, en particular fronte aos impactos relacionados co cambio climático. Fano dentro do proxecto europeo Sirma, un traballo que arrancou en abril de 2019 e que está financiado con dous millóns de euros do programa Interreg Atlantlic Area. Para conseguilo o grupo GeoTech está a deseñar unha técnica que, a través da comparación entre imaxes do satélite Sentinel-1 do programa Copernicus, permite detectar cambios na superficie terrestre ao longo do tempo, cambios que poden ser simples desprazamentos milimétricos, pero que se persisten a través dos anos indican unha perigosa tendencia de movemento na infraestrutura que se quere analizar.