O grupo dx5 explora as transformacións que xerou no cómic o mundo dixital

grupo dx5

DUVI | Analizar, poñendo o foco no manga, no cómic xaponés, que transformacións formais, estéticas e narrativas xerou na banda deseñada a súa convivencia ao longo das dúas últimas décadas co cómic dixital. Este é un dos obxectivos centrais do proxecto Estudos transdisciplinares sobre cómic, do grupo de investigación dx5 (digital & art graphic research), da Facultade de Belas Artes, que busca definir as características do que definen como “manga posdixital”. Seleccionado na convocatoria de 2019 de Proxectos de I+D+i Retos de Investigación do Ministerio de Ciencia e Innovación, neste proxecto insírese tamén un estudo sobre o potencial da banda deseñada para xerar empatía e, polo tanto, para servir como vehículo para a transmisión de valores, mentres que unha terceira liña de traballo centrarase en explorar as interaccións entre o manga e o deseño gráfico contemporáneo.