O grupo EcoEvo devolve o nome de Darwin ás Galápagos

Cordero e Encalada, durante o traballo de campo nas Galápagos

DUVI | En 1889, trinta anos despois de que Charles Darwin publicase A orixe das especies, o entomólogo William Kirby daba o nome de Tramea darwini a unha das especies de libélulas que poden atoparse nas Galápagos, illas que resultaron clave para que o naturalista británico desenvolvese a teoría da evolución. Posteriormente, diferentes investigadores consideraron que os exemplares estudados por Kirby pertencían a outra especie do mesmo xénero xa descrita, a Tramea cophysa. Non obstante, a análise morfolóxica e molecular dunha serie de libélulas do arquipélago realizada por investigadores do grupo EcoEvo da Universidade de Vigo, da Universidad San Francisco de Quito e do Departamento de Agricultura de California levan agora a desbotar que as libélulas deste xénero presentes en Galápagos pertenzan a esa especie. De feito, segundo sosteñen nun artigo publicado na revista Insects, correspóndense coa Tramea calverti, unha especie presente tamén na América continental, onde foi descrita por primeira vez en 1910. Así, como explica o catedrático da Escola de Enxeñaría Forestal e investigador principal do grupo EcoEvo (Ecoloxía Evolutiva e da Conservación), Adolfo Cordero, “polas normas da taxonomía, o primeiro nome é o que prevalece”, de tal xeito que “todas as Tramea calverti pasan agora a chamarse Tramea darwini”.