O grupo Ecotox participa no proxecto europeo Glaukos para reducir a contaminación xerada pola roupa e as artes de pesca

Ricardo Beiras

DUVI | 14 institucións de oito países traballan coordinadamente no proxecto europeo Glaukos que, no marco da convocatoria H2020, busca solucións circulares para a industria téxtil. O grupo de Ecotoxicoloxía e Contaminación Mariña, Ecotox, do Centro de Investigación Mariña da UVigo, é o único representante español nesta iniciativa que ten como obxectivo desenvolver fibras e revestimentos téxtiles biodegradables e biorreciclables para as artes de pesca e a roupa. A finalidade última é diminuír drasticamente a contaminación por plásticos do océano, xa que “as artes de pesca abandonadas, perdidas ou descartadas representan aproximadamente o 27% de todo a lixo mariño atopado nos mares europeos, preto de 11.000 toneladas anuais que entran no medio mariño cada ano. Aos restos de redes e outros aparellos súmanse as fibras sintéticas das que está feita gran parte da roupa, que son tamén unha fonte principal de contaminación por microfibra nos ambientes mariños, xa que o uso e o desgaste das prendas fan que as fibras acaben no mar.