O grupo GeoTECH participa no deseño dun sistema intelixente de transporte urbano

O grupo GeoTECH empregará un sistema de mapeo móbil (Open Lynx Mobile Mapper)

DUVI | Diminuír o impacto ambiental e, polo tanto, facer máis sustentable a mobilidade urbana constitúe un dos grandes retos da sociedade actual e require do deseño de sistemas intelixentes de transporte como o que desenvolven investigadores das universidades de A Coruña, Vigo, Santiago de Compostela e Carlos III de Madrid no marco dun proxecto de investigación financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación. Seleccionado na convocatoria de proxectos de I+D+I Retos Investigación, o proxecto MaGIST. Almacenamento e procesado de datos xeoespaciais masivos para o transporte urbano intelixente e sustentable ten como obxectivo definir a arquitectura dun sistema intelixente de transporte urbano que permita a incorporación continua de datos e conte con procesos de aprendizaxe automática que, entre outras cuestións, permitan predicir os fluxos do tráfico ou detectar aquelas zonas do espazo urbano nas que exista unha “degradación de activos” que poida afectar á mobilidade. Este último aspecto, o desenvolvemento dunha metodoloxía de procesado de datos xeoespaciais co fin de crear unha cartografía do espazo urbano que permita caracterizar eses deterioros nas infraestruturas, constitúe un dos eixos do traballo que, no marco deste proxecto, desenvolve o grupo de investigación en Xeotecnoloxías Aplicadas (GeoTECH) da Universidade de Vigo.