DUVI | Comprobar se sería factible, seguro e beneficioso empregar xogos de realidade virtual total ou inmersiva como unha ferramenta terapéutica con pacientes de Párkinson era o obxectivo central dun estudo piloto que o grupo de investigación HealthyFit levou a cabo coa colaboración da asociación Párkinson Vigo. As probas realizadas cun head mounted display e con xogos e experiencias xa existentes para estes dispositivos permitiron aos investigadores das facultades de Ciencias da Educación e do Deporte e Fisioterapia constatar que a aplicación deste tipo de tecnoloxía é factible con este colectivo e non produce efectos adversos, á vez que supón un factor positivo en termos de motivación e adherencia á actividade. Esta primeira exploración contribuíu a que este grupo de investigación iniciase nas últimas semanas, tamén en colaboración coa asociación viguesa, un novo estudo dirixido a coñecer os posibles beneficios que nesta poboación pode ter a práctica regular dun programa de exergaming, baseado no uso de xogos para lentes de realidade virtual que requiren dunha participación fisicamente activa do usuario.