DUVI | O grupo de Aplicacións dos Láseres (LaserON) da Universidade de Vigo acaba de ver recoñecido o seu traballo co primeiro premio do LIA (Laser Institute of America). O galardón William M. Steen Award outórgase a organizacións cunha significativa innovación no uso de láseres para o procesamento avanzado de materiais. En concreto, os investigadores da Escola de Enxeñaría Industrial acadaron esta distinción polo desenvolvemento dun proceso que permite, por primeira vez, conseguir nanofibras de vidro sen limitación de lonxitude. Patentado e bautizado como Cofiblas (Continuous fiberizing by laser melting – fibrado continuo por fusión láser), combina un láser de alta potencia e un chorro supersónico de aire para quentar e moldear o material de partida, conseguindo fibras de vidro continuas e dun espesor que pode ser controlado a vontade, entre 300 nanómetros e 30 micras. Para facerse unha idea, os investigadores apuntan que un cabelo humano medio ten un espesor de 70-80 micras.
O grupo LaserON recibe o primeiro premio do Instituto Americano do Láser
