O Grupo REDE participa nun proxecto que analiza as políticas transformadoras da UE encamiñadas a acadar a neutralidade climática en 2050

Xavier Labandeira liderará o equipo da UVigo, xunto ocn representantes de nove institucións de sete países

DUVI | A UE ten a vista posta en 2050 como data para que os países membros acaden a neutralidade climática, é dicir, que sexan capaces de absorber a mesma cantidade de emisións que as que xeran, converténdose así no primeiro continente climaticamente neutro. Para isto, a Comisión Europea presentou un complexo paquete de medidas lexislativas, directrices e reformas que conforman o chamado Pacto Verde Europeo, un marco para avanzar nos esforzos de adaptación aos impactos do cambio climático, polo cal, todos os estados membros deben poñer en marcha estratexias de mitigación (redución de emisións) e plans de adaptación. Pare este proceso require dun marco de gobernanza que facilite a integración de políticas intersectoriais e permita que a cidadanía e as partes interesadas públicas e privadas participen no proceso. O proxecto 4I-Traction xurde neste contexto, co obxectivo de analizar como podería ser a política climática transformadora para a UE para acadar a neutralidade climática. A finalidade é facer un balance das políticas climáticas existentes e o seu desenvolvemento e detallar unha serie de vías políticas e un marco de gobernanza xeral, para describir como a combinación actual de políticas climáticas e enerxéticas da UE debe evolucionar na década de 2020 para conseguir unha progresión axeitada cara 2050.