DUVI | O feito de que na maioría dos rescates acuáticos non sexa posible manter a distancia de seguridade, sumado á exposición a secrecións respiratorias que estes implican, fan que os e as socorristas sexan un colectivo cunha elevada exposición a un posible contaxio da covid-19. Reunir unha serie de recomendacións e pautas de actuación que permitan a estes profesionais minimizar ese risco de contaxio é o obxectivo do artigo que o responsable do grupo Remoss da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, Roberto Barcala, realizou xunto con investigadores das universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Barcelona e expertos de servizos de emerxencias e da Sociedade Brasileira de Salvamento Acuático. Publicado este luns pola Revista Española de Salud Pública, que edita o Ministerio de Sanidad, trátase, como explica este docente, “do primeiro artigo científico a nivel internacional sobre saúde laboral e prevención de contaxios por covid-19 en socorristas”. Nel, analizan o grao de risco que implican as diferentes tipoloxías de rescate acuático e propoñen unha adaptación do “algoritmo de soporte vital básico” do Consello Europeo de Resucitación (ERC, polas súas siglas en inglés), poñendo o foco na importancia, fronte a un afogamento, das “ventilacións de rescate”, que deberán realizarse cun balón resucitador, filtro HEPA e equipo de protección persoal (EPI) completo.