DUVI |Por primeira vez desde o seu nacemento en 2014, o equipo UVigo Motorsport rodará o seu monopraza en tres circuítos da competición Formula Student no mesmo verán. Unha tripla cita que acaban de confirmar tras rematar satisfactoriamente os procesos de selección. Así, o UM21 correrá polas pistas de Assen (Holanda) do 4 a 8 de xullo; de Montmeló do 3 ao 9 de agosto e en Hockenheimring (Alemaña) do 16 ao 22 de agosto. Os estudantes vigueses acadaron unha cuarta clasificación, para competir en Hungría pero, pola coincidencia de datas coa proba de España, víronse obrigados a renunciar.