O Post-Growth Innovation Lab defende unha visión alternativa da innovación nunha das principais publicacións científicas neste eido

DUVI | Considerada unha das principais revistas científicas no ámbito da innovación, Technovation publicaba recentemente un artigo asinado polos integrantes do Post-Growth Innovation Lab da Universidade de Vigo Mario Pansera e Ben Robra, xunto cos investigadores da Universidade Tecnolóxica de Tallín (TalTech) Alex Pazaitis e Chris Giotitsas, no que formulan unha visión alternativa do concepto de innovación. O estudo pon o foco nas consecuencias sociais e ambientais dunha visión da innovación baseada “no aumento da produtividade”, como explica Pansera, fronte ao que avogan por un modelo sustentado no “valor de uso” das innovacións e en que estas estean dirixidas a “resolver necesidades e problemas reais das persoas”.