DUVI | Baixo o nome de Exxperimenta en Feminino, no ano 2017 botou a andar unha iniciativa na que cada curso arredor 120 profesoras e investigadoras da Facultade de Ciencias, da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense se alían para organizar diferentes actividades, entre elas unha feira divulgativa, de visibilización da muller na ciencia e de fomento das vocacións STEM. Por este compromiso coa igualdade e pola súa capacidade de implicación e mobilización de diferentes colectivos, as súas coordinadoras, as profesoras Alma Gómez, Julia Carballo e Nieves Lorenzo, foron recoñecidas este martes co IX Premio Uviguala da Universidade de Vigo. No seu discurso, as galardoadas fixeron extensible este recoñecemento “a todas as mulleres do campus de Ourense que participan en Exxperimenta en Feminino”.