O profesor Diego Gómez, galardoado por un artigo sobre a obrigatoriedade da cita previa nas administracións públicas

DUVI | Un dos hábitos aos que a cidadanía se tivo que acostumar durante a pandemia foi a necesidade de solicitar cita previa para moitos servizos e trámites. Pasados xa dous anos, este requirimento segue sendo esixido en moitas administracións públicas, algo que, segundo o profesor asociado de Dereito Administrativo da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo Diego Gómez, non se axusta a dereito. Precisamente, un artigo no que o docente expón os motivos polos que a cita previa obrigatoria sen motivación é contraria a dereito acaba de ser galardoado na cuarta edición dos Blogs Xurídicos de Ouro 2022, na categoría artigos de excelencia.