DUVI | Cada ano, o proxecto de divulgación científica Pontenciencia desenvolvía na Escola de Enxeñaría Forestal o seu evento final, a Feira da Miniciencia, na que estudantes de primaria e secundaria presentaban os proxectos e experimentos científicos que levaran a cabo nos seus centros ao logo do curso. A situación provocada pola covid-19 impide neste 2021 o desenvolvemento desta feira no seu formato habitual, mais non que estudantes de 17 centros educativos de Pontevedra defendan diante do profesorado universitario as súas investigacións, desta volta nos propios colexios e institutos participantes nun proxecto promovido polo Concello de Pontevedra e a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (Fecyt), coa colaboración da Universidade de Vigo. 22 investigadores e investigadoras do campus forman parte dos xurados que, ao longo desta semana, percorrerán os diferentes centros para avaliar as diferentes investigacións e determinar que proxectos serán premiados nesta oitava edición de Pontenciencia, que o sábado 5 celebrará, no exterior da EE Forestal, o seu acto de entrega de premios.