O proxecto Atlantic CultureScape recupera e pon en valor o patrimonio inmaterial da Guarda vencellado ao mar

Atlantic CultureScape

DUVI | A cultura atlántica, esencialmente marítima e mariñeira, é fornecedora dun patrimonio inmaterial moi importante. Recuperalo, protexelo e dinamizalo é o principal obxectivo do proxecto Atlantic CultureScape, unha iniciativa na que están implicadas seis rexións do arco atlántico: Galicia, Cantabria, Andalucía e Río Maior en Portugal así como zonas de Gales, Irlanda e Irlanda do Norte. A participación galega está coordinada pola Universidade de Vigo e céntrase concretamente no patrimonio intanxible da vila da Guarda e no concepto de “atlanticismo”.

O proxecto botou a andar hai ano e medio cofinanciado polo Programa Interreg Atlantic Area a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e, froito do traballo dos investigadores da UVigo, coordinados pola profesora Pilar Muñoz, do Departamento de Economía Financeira e Contabilidade, e da colaboración con entidades locais, nacen dous documentais que esta semana se van presentar na Mostra Internacional de Cinema Etnográfico que se celebra en Santiago de Compostela.