O proxecto Bewats avanza na detección remota do lixo mariño na costa galega

Fernando Martín

DUVI | O lixo mariño, en particular os residuos plásticos, supoñen unha seria ameaza global para os ecosistemas, tanto pola gran cantidade que chega aos mares e océanos como pola súa composición, xa que poden tardar ata 1000 anos en biodegradarse. De feito, a maior parte do lixo que se rexistra e recolle nos areais son microplásticos, o que dificulta en gran medida a súa recollida debido ao seu tamaño. Un dos xeitos de controlar e frear a chegadas deste lixo aos ecosistemas mariños é coñecer a orixe e o percorrido destes residuos, que é o obxectivo do proxecto Bewats (Beach Waste Tracking System), impulsado por investigadores da Universidade de Vigo e do Instituto de Ciencias Matemáticas (CSIC-UAM-UCM-UC3M). A finalidade desta iniciativa, que botou a nadar en decembro de 2019, é buscar ferramentas innovadoras para a monitoraxe da procedencia e o destino do lixo mariño a través de imaxes de satélites e drones. Froito deste primeiro ano de traballo, os investigadores xa contan con avances destacados, como explica Fernando Martín, do Grupo de Procesado de Imaxe e Realidade Virtual (GPI-RV) da UVigo.