DUVI | Este xoves, as e os representantes dos oito proxectos innovadores que a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación, apoia para avanzar na loita contra a COVID-19, seis deles promovidos por pemes galegas e dous máis deseñados polas universidades de Vigo e Santiago, mantiveron unha xuntanza telemática con Francisco Conde, conselleiro de Economía, Emprego e Industria. No caso da Universidade de Vigo, trátase dun proxecto de desenvolvemento e validación de operativas de voo con sistemas aéreos non tripulados (drones) para efectuar tarefas de desinfección contra o coronavirus.
As iniciativas financiadas, apuntou o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, son “proxectos extrapolables aos ámbitos que o Goberno galego ten marcados como estratéxicos: o sanitario, o laboral e o ámbito do comercio e sector servizos”. Conde destacou asemade o “papel determinante da innovación e o coñecemento” para facer fronte con máis garantías e seguridade aos novos retos que se presentan no eido da saúde, a prevención e a seguridade pola crise da COVID-19.