O proxecto DIMCoVAR confirma que as análises realizadas durante un ano en 11 EDAR resultaron representativas da evolución da pandemia en Galicia

Claudio Cameselle, Susana Gouvela e Adrián Cabo

DUVI | En marzo de 2020 o proxecto DIMCoVAR botaba a andar coa realización de análises de presenza de material xenético de virus SARS-CoV-2 nas augas residuais de entrada de 11 EDAR (estación depuradora de augas residuais) de Galicia, así como nos puntos de vertido das EDAR no medio mariño. Logo dun ano de traballo, os investigadores e investigadoras da Universidade de Vigo e do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e persoal da empresa Geseco Aguas, que participan no proxecto, que conta con 235.000 euros de financiamento do Fondo Supera Covid da CRUE- Santander, afirman que “efectivamente a mostraxe nas depuradoras seleccionadas resultou representativo da evolución da pandemia a nivel de Galicia”, explican Claudio Cameselle, docente e investigador do grupo BiotecnIA (Biotecnoloxía Industrial e Enxeñaría Ambiental) da Universidade de Vigo, que coordina o proxecto, e Beatriz Novoa García investigadora do grupo  Inmunoloxía e Xenómica do IIM-CSIC.