DUVI | Entender a evolución e circulación do SARS-CoV-2 en Galicia a través da análise xenómica de 1000 mostras de pacientes contaxiados co obxectivo último de contribuír á toma de decisións no eido da saúde pública na loita contra este virus. Este será o reto do proxecto Epicovigal, liderado polo catedrático da Universidade de Vigo David Posada e no que participarán equipos de investigación das universidades, dos institutos de investigación sanitaria e dos hospitais de referencia de Galicia.
O proxecto, que terá unha duración inicial dun ano, leva por título Epicovigal: epidemioloxía xenómica e monitorización en tempo real do SARS-CoV-2 en Galicia. A iniciativa acadou recentemente 170.000 euros de financiamento do Fondo Supera Covid-19, froito da colaboración do Banco Santander, as universidades españolas, a CRUE e o Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC). Epicovigal contará coa participación de, ademais do Grupo de Filoxenómica do CINBIO-Universidade de Vigo que dirixe Posada, do Grupo de Xenomas e Enfermidade, da Universidade de Santiago de Compostela, e do Laboratorio de Bases de Datos, da Universidade da Coruña. Tamén participarán os servizos de Microbioloxía dos sete centros hospitalarios de referencia do Servizo Galego de Saúde, os tres institutos de investigación sanitaria de Galicia e o Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga).
