DUVI | No ano 2019 botou a andar o proxecto europeo SoildiverAgro co obxectivo de avanzar na adopción de novas prácticas e sistemas de cultivos que melloren a biodiversidade do solo. Nel, 22 socios, liderados pola Universidade de Vigo, están a analizar 90 sistemas agrícolas en nove rexións europeas. Cos primeiros estudos de campo xa realizados, o proxecto pon en marcha unha rede para achegar aos agricultores os seus avances en técnicas de cultivo sostibles e implicalos no seu uso.
SoildiverAgro (Soil biodiversity enhancement in european agroecosytems to promote their stability and resilence by external inputs reduction and crop performance increase) está financiado con case sete millóns de euros polo programa H2020, o programa de financiamento de investigación e innovación da UE. Liderada desde a Facultade de Ciencias do campus de Ourense polo investigador David Fernández Calviño, a iniciativa, que se desenvolverá ata maio de 2024, conta coa participación de 22 socios de España, Finlandia, Bélxica, Alemaña, Estonia, Dinamarca e República Checa, incluíndo universidades, centros de investigación, empresas, organizacións sen fins de lucro, agricultores, organizacións de agricultores e organizacións da administración pública. Entre eles, de Galicia participan, ademais da UVigo, Feuga, o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde) e o labrego Rubén Rodríguez.