O proxecto Facendo 4.0 acada un 84% de execución con 117 accións realizadas e 18,8 millóns de euros investidos

DUVI | Na súa segunda anualidade, o proxecto Facendo 4.0 (Competitividade Industrial e Electromobilidade a través da Innovación e a Transformación Dixital), liderado por Stellantis Vigo, acadou un 84% de execución, segundo a revisión do estado de avance das accións en curso realizada polos socios que nel participan: a Universidade de Vigo, CTAG, Gradiant e Aimen. O proxecto de I+D, centrado na investigación industrial e o desenvolvemento experimental para incrementar a competitividade e reforzar as competencias do tecido empresarial galego, conta co apoio económico da Xunta, cuxo vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou, este mediodía, xunto ao director de Stellantis, Ignacio Bueno, e representantes das entidades socias, como a vicerreitora de Investigación da UVigo, Belén Rubio, na presentación pública do estado de avance das investigacións desenvolvidas ao seu abeiro.