O proxecto Geo4Radón presenta o prototipo dun sistema de aproveitamento de enerxía xeotérmica que usa diferentes tipos de renovables

A bomba de calor en probas

DUVI |  O proxecto Geo4radón rematou case tres anos de traballo coa presentación esta semana do prototipo final dun sistema de aproveitamento de enerxía xeotérmica. A súa principal innovación é que integra nun único dispositivo diferentes tipos de enerxías renovables, en concreto, enerxía aerotérmica e solar térmica.
O proxecto, enmarcado na convocatoria Conectapeme, botou a andar en abril de 2018 cun orzamento total de 819.000 euros e unha subvención da Axencia Galega de Innovación de 444.320, cofinanciados nun 80% por fondos Feder da UE. Respondendo aos requisitos desta convocatoria de axudas, no proxecto uniron as súas forzas o tecido de I+D público, representados pola Universidade de Vigo, e cinco empresas da contorna: Extraco, Megodeza, Conexiona Telecom, Galaicontrol e Renga Enerxía. O obxectivo inicial era traballar na predición e mellora dos sistemas de climatización xeotérmica e análise da influencia das sondaxes na difusión do gas radon. O catedrático da UVigo José Fernández Seara coordinou o traballo do consorcio, que pola parte da Universidade estivo centralizado no Departamento de Enxeñaría Mecánica, Máquinas e Motores Térmicos e Fluídos.