O proxecto MarENet, galardoado nos Atlantic Project Awards

Daniel Rey

DUVI | O proxecto europeo MarENet – Atlantic Maritime Ecosystem Network- coordinado polo Campus do Mar fíxose este xoves cun dos Atlantic Project Awards, os galardóns que se entregan no marco da 7th Atlantic Stakeholder Platform Conference (ASPC2020), o simposio internacional de referencia sobre a nova estratexia marítima do Atlántico. O proxecto do UVigo foi seleccionado como o mellor caso de éxito na categoría de Capacitación mariña e alfabetización oceánica, unha das cinco das que constan estes premios. Financiado pola Comisión Europea Easme-Emff e coordinado polo Campus do Mar baixo a dirección de Daniel Rey, director do Centro de Investigación Mariña e coordinador do grupo GEOMA, o obxectivo de MarENet é fortalecer a cooperación entre as empresas marítimas e o mundo académico para mellorar a visibilidade das oportunidades de formación e profesionais no sector da Economía Azul en Europa. Este proxecto está intimamente ligado á Estratexia de Crecemento Azul implantada no Porto de Vigo, como entidade pioneira nesta transformación.