O proxecto Misión Azul presenta un videoxogo e unidades didácticas para achegar os retos da ciencia mariña a estudantado, docentes e familias

DUVI | “A realidade climática fai necesario impulsar actividades de divulgación para concienciar sobre a preservación do océano”. Así explicaba Daniel Rey, director do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, o nacemento do proxecto Misión Azul, unha iniciativa de alfabetización científica mariña e de formación do profesorado posto en marcha polo CIM-UVigo en colaboración con atlanTTic, a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do campus de Pontevedra e UECoE.

“Tras un ano de traballo cun equipo multidisciplinar espléndido”, en palabras de Rey, este venres presentáronse os resultados do proxecto nun acto que tivo lugar no edificio Miralles. Os obxectivos de Misión Azul principais de Misión Azul era a creación dun videoxogo e dun catálogo de unidades didácticas que “son xa unha realidade que nos permite continuar coa nosa particular misión de contribuír á difusión e desenvolvemento do coñecemento mariño, de espertar vocacións científicas e de valorizar o papel das mulleres investigadoras”, explicou Rey, responsable tamén do proxecto.