O proxecto Oceanets presenta un prototipo de roupa deportiva fabricada con fibras téxtiles froito da reciclaxe de aparellos do mar

Oceanets

DUVI | En abril de 2019 púxose en marcha o proxecto internacional Oceanets, que ten entre os seus obxectivos “previr a perda de redes de pesca e avaliar a posibilidade de utilizar aparellos inservibles e outros residuos plásticos recuperados do mar para reciclalos e aproveitalos na produción de fibras téxtiles de alta calidade coas que fabricar produtos de interese para a industria téxtil”. Un ano despois, a iniciativa ten recollido 30 toneladas de refugallos de pesca e presenta o seu primeiro prototipo de roupa deportiva fabricada con este tipo fibras téxtiles de reciclaxe.

O proxecto está liderado polo Instituto Tecnológico del Plástico (Aimplas) e forman parte del os grupos de investigación da Universidade de Vigo Gen (Governance and Economics Research Network), con sede na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense, e I-Mark, con sede na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de Vigo; a Cooperativa de Armadores de Vigo (Arvi), a organización non gobernamental Vertidos Cero e as empresas Sintex e Ecoalf. A sede de Arvi acolleu este xoves a presentación dos avances do proxecto nun acto que contou coa participación de Francisco Javier Touza, presidente de Arvi; Rubén Rodríguez, da Asociación Vertidos Cero, e Jorge Romón, responsable de I+D+i de Arvi.