DUVI | A finais de 2019 botaba a andar o proxecto Ocimer, unha iniciativa do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo para a optimización do cultivo integral do ourizo de mar. Tras dous anos de traballo e unha vez rematado este proxecto, o equipo de investigación decidiu seguir afondando nesta liña de estudo e puxeron en marcha Ocimer+, unha ampliación de oito meses do proxecto inicial á que se engaden novos enfoques. Así, mentres que no proxecto Ocimer se abordaron aspectos relacionados co cultivo e a criopreservación, nesta nova etapa incluíronse dúas novas liñas de investigación: patoloxía e xenética. O proxecto, que tamén conta con financiamento da convocatoria Pleamar da Fundación Biodiversidade, implica varios grupos de investigación do CIM-UVigo, que traballaron con cinco especies de ourizo presentes na ría de Vigo.