DUVI | A insecticultura, ou produción primaria de insectos, estase perfilando como unha ferramenta innovadora dentro da bioeconomía circular polo seu baixo impacto ambiental no que se refire tanto ás emisións de gases de efecto invernadoiro como ao requirimento en auga e terreo. Estes insectos poden ter múltiples utilizacións, unha delas é o seu uso para obter fertilizantes para mellorar a calidade dos solos agrícolas. Precisamente neste aspecto é no que se centra o proxecto Probiofertil, liderado pola investigadora do CIM-UVigo María Gómez Brandón, seleccionado na Convocatoria de axudas para incentivar a consolidación Investigadora 2023. Cun orzamento de 124.206 euros, o obxectivo deste estudo é avaliar o potencial de biorremediación das larvas de insecto para o biotratamento de residuos orgánicos co fin de obter produtos de valor engadido con potencial para o seu uso como insumos agrícolas, é dicir, produtos que se empregan para o control de pragas, prevención e tratamento de enfermidades.