O proxecto Rentur desenvolve unha ferramenta para avaliar a rendibilidade social de iniciativas turísticas

DUVI | O Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense acolleu este venres a presentación do proxecto Rentur (Rendibilidade social nas decisións de investimento do turismo post-pandémico: clave para o desenvolvemento sostible en destinos de interior). Nel, un equipo da Universidade de Vigo leva a cabo o deseño e desenvolvemento dunha ferramenta innovadora para a avaliación da rendibilidade social de proxectos e produtos turísticos.

O proxecto está desenvolvido por membros do grupo de investigación Emitur-Márketing e Turismo, da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense. Diego R. Toubes é o seu investigador principal, estando ademais as e os investigadores Elisa Alén, Trinidad Domínguez e Pablo de Carlos e un equipo técnico formado por Santiago Pérez, Iago Barreiro e Sergio Martínez. Rentur conta con financiamento do Ministerio de Industria, Comercio y Turismo e da Unión Europea-Next Generation EU/Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia. O estudo arrancou a principios de 2023 e está na actualidade na súa recta final.