O proxecto Seafeed presenta un sistema autónomo e intelixente de alimentación para acuicultura

Proxecto Seafeed

DUVI | Tras dous anos e medio de traballo, o consorcio formado polas empresas Feeding Systems, Engranor, Quantum Innovative e Montajes Cancelas e a Universidade de Vigo presentou este luns o prototipo final dun sistema autónomo e intelixente para a alimentación de gaiolas acuícolas no mar. Este deseño é o froito do proxecto Seafeed, que botou a andar en marzo de 2018 co fin de deseñar e fabricar un alimentador que servise para granxas acuícolas pequenas e mediadas. Ata o momento, o sector estábase vendo obrigado a adaptar os sistemas que se empregan nas explotacións de salmón de Noruega e Escocia, xa que non son compatibles co resto de especies como a robaliza ou a  dourada. Deste xeito, o tecido empresarial e o investigador uniron as súas forzas para crear un sistema ad hoc que se adaptase ás granxas de menor tamaño.