O proxecto Sentinelas da costa implica á cidadanía na monitorización das praias e da dinámica costeira

DUVI | O ano pasado a Fundación Española de Ciencia e Tecnoloxía, FECYT, lanzaba unha convocatoria de axudas para o fomento da cultura científica, tecnolóxica e da innovación, que ten como finalidade achegar os resultados da I+D á sociedade e mellorar a súa educación científico–técnica. Un dos seis proxectos da Universidade de Vigo que resultaron seleccionados é Sentinelas da costa, unha iniciativa que busca que a cidadanía desenvolva un papel activo na vixilancia dos cambios que sofren as praias e a liña de costa. Trátase dun proxecto de ciencia cidadá na que tamén están implicadas a Universidad de Cádiz, o ICTS-Sistema de Observación Costero de las Illes Balears e o Institut de Ciències del Mar-CSIC. O obxectivo é que as e os voluntarios poidan informar, a través dunha aplicación móbil, de como van cambiando os areais e dos procesos de dinámica costeira.