O proxecto Zosteco identifica diversas accións de mellora de xestión das praderías mariñas

DUVI | Para preservar as praderías mariñas é necesario mellorar as redes de saneamento e depuración dos concellos costeiros e establecer tamén novas medidas relacionadas coa eliminación dos vertidos asociados ás industrias establecidas no litoral. Estas foron as dúas medidas que máis consenso suscitaron entre as persoas asistentes á última xuntanza de traballo do proxecto Zosteco, unha reunión que se celebrou recentemente de forma simultánea en Redondela e Santander e na que participaron representantes de pescadores, mariscadoras, administradores públicos, usuarios do espazo natural, empresas de actividades recreativas, organizacións ambientalistas, investigadores, etc. Déronlles a benvida a alcaldesa da vila, Digna Rivas, e o catedrático da Universidade de Vigo Emilio Fernández, responsable da investigación.