O ránking de Shanghai por ámbitos sitúa a UVigo entre as 75 mellores universidades do mundo en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos

Laboratorio

DUVI | Este mércores fíxose público o Global Ranking of Academic Subjects (GRAS) 2021, unha clasificación das mellores universidades do mundo en 54 materias de investigación elaborado por Shanghai Ranking Consultancy, responsable do ránking ARWU, máis coñecido como ránking de Shanghai. Nel, a Universidade de Vigo sitúase entre as institucións académicas de referencia en 14 categorías, destacando a posición que ocupa en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, onde está un ano máis incluída entre as 75 mellores universidades do mundo. Concretamente, estaría na posición 51 empatada a puntos con outras 24 institucións académicas. Como novidade, a UVigo inclúese por primeira vez como unha das 500 universidades referentes nos eidos da Educación e da Farmacia e Ciencias Farmacéuticas.