O rendemento físico dos futbolistas diminúe de forma significativa a partir dos 30 anos

Ezequiel Rey

DUVI | As distancias percorridas a máis de 21 quilómetros por hora por futbolistas maiores de 30 anos son entre un 6,3% e un 26,4% inferiores que as dos xogadores que se sitúan por debaixo desta franxa de idade. Por outra banda, os menores de 25 son capaces de percorrer en sprint, a máis de 24 quilómetros por hora, unha distancia entre un 8,5% e un 33,3% superior que os que superan esta idade, ao igual que alcanzan unha velocidade máxima entre un 1,1% e un 4,5% maior. Estes son algúns dos datos que se extraen da análise que o profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Ezequiel Rey realizou, xunto a Pablo Costa, o docente da California State University Francisco Corredoira e Álex Sal de Rellán, dos movementos realizados por 419 xogadores da primeira e segunda división española ao longo dunha tempada. O obxectivo desta análise, explica o investigador do grupo Remoss, era corroborar “algo que historicamente xa se tiña en conta no fútbol, que a idade é un factor moi importante” no rendemento dos xogadores.