O sedentarismo inflúe negativamente na saúde dos pés, sobre todo nas mulleres

Romeu Araújo

DUVI | Facer actividade física con regularidade implica numerosos beneficios para a saúde, mais para levala a cabo “é esencial non ter dor ou molestias nos pés”, unha problemática “pouco valorada como fonte de inhibición” de cara á práctica de exercicio, como salienta o podólogo Romeu Araújo, que analizou na súa tese de doutoramento os efectos da falta de actividade física na saúde dos pés. A investigación que levou a cabo con máis de 300 persoas sedentarias de diferentes franxas de idade permitiulle confirmar o impacto negativo dun estilo de vida sedentario na saúde dos pés, que causa un “maior dano” nas mulleres de maior idade e con maior peso, o que á súa vez repercute, sinala, “na súa calidade de vida, principalmente ao diminuír a capacidade para realizar actividades físicas”.