DUVI | Un enclave “fundamental” para coñecer o desenvolvemento cultural e humano do final do Plistoceno medio europeo (últimos 250.000 anos). Así se presenta o xacemento paleolítico de Arbo, en Pontevedra, despois dunha década de investigación arqueolóxica nel que permitiu a localización dun dos conxuntos máis numerosos de ferramentas de tipo acheuliano da península Ibérica, máis de 3000 pezas, e a súa datación anterior a 118.000 anos. Unha publicación recolle agora os principais resultados das investigacións arqueolóxicas desenvolvidas neste xacemento lideradas por Eduardo Méndez-Quintas, arqueólogo do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo.