Recoñecer as principais constelacións e orientarse a través das estrelas é algún dos coñecementos que se poderán adquirir no obradoiro de astronomía Astrofamilias: o planetario desde dentro. Unha iniciativa posta en marcha pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) da Universidade de Vigo dentro do seu plan anual de actividades Ciencia de Ida e Volta. Este obradoiro terá lugar o vindeiro martes 10 de outubro, a partir das 17.00 horas, no Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico, e será impartido por Adolfo García, Capitán da Mariña Mercante e profesor de Navegación no mesmo instituto.
Con este evento de divulgación científica, que conta co financiamento da Fundación Española para la Ciencia y Tecnología (FECYT) del Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades trátase de conmemorar a Semana Mundial do Espazo, que se celebra cada ano do 4 ao 10 de outubro, e está dedicada a poñer en valor as contribucións da ciencia e a tecnoloxía espaciais á mellora da condición humana.
A través dun obradoiro dinámico e participativo, a UCC+i pretende achegar o mundo da astronomía dun xeito ameno e sinxelo á cidadanía e, en especial, a un público familiar. Ao longo da xornada tanto nenos como adultos aprenderán a entender o tamaño do noso Universo e a descubrir os secretos do Sistema Solar, sen esquecernos de tomar conciencia de todos os problemas derivados da contaminación luminosa.
A participación será aberta, pero será necesario inscribirse previamente e de xeito gratuíto a través da seguinte ligazón.
Unha oportunidade única para aprender en familia e descubrir as marabillas do ceo. Agardámoste!