Os centros de investigación do campus de Vigo abrirán durante un mes as súas portas á cidadanía

Divulgando Ciencia Singular

DUVI | Abrir os laboratorios á cidadanía e achegar a investigación científica e tecnolóxica á sociedade. Con estes obxectivos naceu en 2018 o programa Divulgando Ciencia Singular, unha iniciativa para que os seus centros de investigación da Universidade de Vigo dean a coñecer de primeira man o traballo que desenvolven. Así, dende esta fin de semana e ata finais de novembro, o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación (atlanTTic), o Centro de Investigación Mariña (CIM), o Centro de Investigacións Biomédicas (Cinbio), o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxías e Procesos Industriais (Cintecx), o Centro de Investigación Economics and Business Administration for Society (Ecobas) desenvolverán actividades diversas para divulgar os proxectos de referencia e resultados de investigación.

As actividades son de balde, previa inscrición na web cienciasingular.gal, e pode participar calquera persoa, tanto adultos como nenos e nenas. O programa está cofinanciado pola Xunta de Galicia e pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional Unha maneira de facer Europa.