DUVI | O aproveitamento e valorización de residuos procedentes do agro na provincia de Ourense, concretamente restos da poda de vides, para a obtención de produtos de valor engadido. Este foi o obxectivo dun proxecto de investigación desenvolvido recentemente por persoal investigador da Facultade de Ciencias do campus de Ourense. Nel abordouse con bos resultados a recuperación, mediante o uso de disolventes intelixentes, de compostos bioactivos desta biomasa e a obtención nela de furfural, unha molécula de base que se emprega na síntese de produtos químicos de interese no sector industrial e de biocombustibles.