Os socios de Firepoctep expoñen nunha xornada os avances acadados na loita contra os grandes incendios forestais

DUVI | Coincidindo coa celebración do Día Europeo da Cooperación, os socios do proxecto de innovación Firepoctep, dirixido á loita contra os grandes incendios forestais e a xestión dos espazos susceptibles de sufrilos, organizaron para este mércores unha xornada de sensibilización contra os lumes na que se tratou de achegar á sociedade o labor que vén levando a cabo este proxecto desde principios de 2020. Fixérono a través dunha posta en común das experiencias dos socios a ambos os dous lados da fronteira entre España  e Portugal. A xornada, de carácter semipresencial, celebrouse na sala 1 do edificio Miralles e nela explicáronse os avances conseguidos nun traballo que conta con 21 socios e un orzamento de 5,5 millóns de euros, financiados nun 75% con fondos Feder.